Saturday 11 de May de 2024

A Pobra reforza a separación na orixe cun punto limpo móbil nas escolas


O Concello da Pobra do Caramiñal amplía o servizo da separación na orixe cun punto limpo móbil nas escolas que complementa o itinerante polo rural e o punto limpo situado no polígono da Tomada. A concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo, explica que esta acción dirixida ao público escolar busca concienciar sobre o respecto pola natureza dende idades temperás e que, deste xeito, o exercicio de reflexión se estenda aos núcleos familiares.

Esta nova prestación consiste nun remolque con nove espazos independentes para o depósito de residuos de pequeno formato: tóner e cartuchos de tinta, CD/DVD, pequenos xoguetes de plástico, lámpadas, tubos fluorescentes, aparellos electrónicos, pilas e baterías, aerosois e pequenos electrodomésticos.

As rutas e as súas frecuencias distribúense da seguinte maneira: CEP Salustiano Rey Eiras (primeira semana de cada mes), CEP Pilar Maestú Sierra (segunda semana), Monte Carmelo (terceira semana) e inmediacións do CAD (cuarta semana). Ademais, permanecerá neste último espazo en períodos vacacionais. A este respecto, a técnica municipal do Medio Ambiente, Beatriz González, engade que así tamén pode facer uso del a veciñanza do núcleo urbano.

Agora mesmo atópase no CEP Salustiano Rey Eiras. O director deste centro de ensinanza, José Delgado, ratifícalle o apoio da comunidade educativa que representa a este tipo de iniciativas que encaixan nos numerosos proxectos medioambientais nos cales participa o colexio.

O investimento destinado a este punto limpo móbil ascende aos 8 566’80 euros, IVE incluído, a cargo das arcas municipais.